Acreditación de competencias pola vía da experiencia profesional
Cando unha persoa chega a un servizo de Orientación Laboral, é necesario indagar na formación e experiencia que ten. Pode darse o caso que a persoa teña experiencia laboral, ou mesmo teña formación non formal, pero que non posúa ningunha formación oficial relacionada. Neste caso pode ser interesante valorar a posibilidade de que a persoa inicie o proceso de acreditación laboral pola vía da experiencia profesional.
Este procedemento avalía se a persoa dispón das competencias profesionais aínda que non teña unha formación formal. Como orientadoras laborais, é necesario ter coñecemento deste procedemento para poder orientar á persoa usuaria e darlle a información que precise.
O proceso de acreditación por experiencia profesional é longo e pasa por varias fases ben diferenciadas. Corresponde á persoa orientadora ofrecer información clara e adaptada á persoa usuaria, para que saiba como vai a ser o camiño e poda tomar a decisión.
![]() |
| Entrevista de asesoramento Fonte: Freepik, de teksomolika |
É moi importante tamén explicarlle cal é a finalidade e sobretodo cales poden ser os beneficios de acadar a acreditación. Por suposto, debe de quedar claro que o feito de facer a solicitude non implica sempre un resultado positivo. Hai que ter especial atención con aquelas persoas que por diversos motivos teñan maior dificultade para comprender o procedemento. Seguidamente enuméranse algunhas das vantaxes das que a persoa se podería beneficiar:
- Posibilita a obtención dunha titulación oficial.
- Aumenta a posibilidade de emprego.
- Recoñece a experiencia laboral e a formación non formal obtidas no pasado.
- Favorece a aprendizaxe ó longo da vida. Mesmo posibilita a continuación e avance dos estudos profesionais de niveis superiores.
Non en tódolos casos é viable a acreditación, existen unha serie de requisitos que a persoa deberá cumprir, e que teñen que ver cos anos e horas traballadas, segundo o nivel das unidades de competencias que se queiran acreditar. Por outra parte, haberá que ter coñecemento das convocatorias abertas en cada comunidade.
En que consiste o procedemento?
As Administracións Autonómicas son os organismos que se encargan das convocatorias e das competencias que se poderán acreditar nelas. O Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais serve de referencia para este procedemento.
O procedemento de acreditación de competencias profesionais consta de tres fases:
Asesoramento
A persoa é acompañada por un/a asesor/a que solicita toda a documentación necesaria para que a persoa candidata poda demostrar as competencias profesionais, traballos, cursos, certificados dos empregadores... Xeralmente levaranse a cabo dúas sesións, unha grupal e outra individual.
O/A asesor/a emitirá un informe non vinculante, que de ser positivo, dará acceso á segunte fase. Se polo contrario é negativo, incluirá un plan de formación.
Avaliación
Nesta fase o/a candidato/a terá que demostrar se realmente posúe a competencia profesional. Pode ser a través de entrevistas, de probas profesionais de competencias, de simulacións de situacións reais ou ben a observación no mesmo centro de traballo.
![]() |
| Avaliador nunha proba profesional no posto de traballo Fonte: Freepik, de senivpetro |
O equipo de profesionais avaliadores decidirá se procede ou non a acreditación, total ou parcial.
Acreditación
Unha vez superada a fase de avaliación, emitirase unha acreditación por cada unidade de competencia na que a persoa demostrou competencia profesional. Tamén achegarase un informe no que se indica a posibilidade de completar a formación para obter un título de FP ou un Certificado de profesionalidade.
O procedemento é longo, e pode chegar a ser complexo para determinadas persoas, pero é certo que en todo momento están acompañadas por profesionais. Aínda así, os beneficios son importantes, máis nos casos nos que non se dispón de ningún título por ter abandoado os estudos moi cedo.
Para saber máis:
Nos seguisteis enlaces pódese obter mais información relativa ó proceso de acreditación laboral pola vía da experiencia profesional.


Comentarios
Publicar un comentario